top of page

NUNCA É TARDE PARA SUBIR A UN ESCENARIO

CONVOCATORIA DUN GRUPO SENIOR DE INTÉRPRETES PARA UNHA NOVA CREACIÓN

 

  • Convocatoria pública dun grupo de intérpretes para formar parte dun proceso de creación da man das creadoras Helen Bertels e Ánxela Blanco.

  • A convocatoria está dirixida ao alumnado da Universidade Senior cunha cota de 25 euros.

  • O TRCDanza reserva ademais unha serie de becas para persoas externas interesadas.

  • Non é preciso ningún tipo de experiencia escénica previa. O desexo de deixarse levar por un proceso de creación, a curiosidade por aprender ferramentas e técnicas de teatro e danza ou a vontade de subirse ao escenario son suficientes para formar parte do elenco desta nova creación.

  • As creadoras guiarán ao grupo ao longo de 11 sesións de traballo entre novembro e decembro de cara a construción da creación que se amosará no escenario do Teatro Rosalía de Castro o mércores 11 de decembro de 2019.

  • É unha actividade impulsada, dentro do marco da Programación Expandida TRCDanza 2018, o proxecto de aproximación ás artes do movemento do Teatro Rosalía de Castro de A Coruña, en colaboración coa Universidade Senior.

DATAS DAS SESIÓNS DE TRABALLO / EDICIÓN 2019

  • 4, 6, 11, 13, 18, 20, 25 e 27 de novembro e 2, 4 e 9 de decembro de 16 a 18 h.

  • inscricións abertas ata o 1 de novembro de 2019 por orde de chegada (máximo de 30 persoas participantes)

  • inscricións e pago para alumnado da UDC na secretaría da Universidade Senior.

  • as becas para persoas externas xestionaranse a través de correo electrónico (trcdanza@gmail.com).



A UNIVERSIDADE SENIOR COMO ESPAZO CÓMPLICE NA CIDADE

 

Por segundo ano consecutivo abrimos a convocatoria para o proceso de creación "Nunca é tarde para subir ao escenario" ao carón da Universidade Senior, unha das institucións coa que mellor diálogo temos dende que iniciamos este proxecto. Co seu alumnado fixemos dende aulas prácticas con distintas artistas do programa (Asun Noales en 2014, Proyecto Titoyaya en 2015, Xoán Mosquera e Javier Martín no 2016) ata un programa bianual de historia da danza con Ana Beatriz Pérez e Helen Bertels en 2016 e 2017 respectivamente.

En 2018 dimos un paso adiante e subimos ao escenario a un grupo de alumnas desta universidade que viviron en primeira persoa a experiencia de atravesar un proceso de creación con dúas artistas do noso territorio, Helen Bertels e Ana Beatriz Pérez.

A peza mostrouse no escenario do Teatro Rosalía de Castro en decembro de 2018, na xornada de presentación dos distintos procesos de creación que levamos a cabo durante o ano. O mesmo día abrimos o pano cun programa triple que completan a creación de MASA co alumnado do IES Zalaeta a cargo de Cris Vilariño e a creación do programa Assamblé dirixida por Alba Fernández Cotelo e Estefanía Gómez co alumnado do  Conservatorio de Danza da Deputación da Coruña.

En novembro comezamos os ensaios desta segunda creación de cara a súa estrea o 11 de decembro de 2019, esperámosvos ou no escenario ou na butaca!

bottom of page