
> TALLER DE PÚBLICO(S) 2021
Dende a Programación Expandida TRCDanza organizamos, como vén sendo habitual, un taller de público(s) da man da investigadora e xestora cultural Sabela Mendoza e da artista e coordinadora do programa Caterina Varela.
O obxectivo é compartir e conversar sobre as distintas derivas que emerxen no campo da danza e da creación contemporánea, acompañando a programación anual do ciclo TRC Danza 2021. Un convite a todas as persoas interesadas no campo da danza e da creación contemporánea, curiosas de ampliar a súa mirada dende unha posición de espectadoras activas.
Continuamos dando pasos adiante cara á consolidación dun público cada vez máis comprometido co que acontece no teatro da nosa cidade. Un teatro que se recoñece como propio.
> SERMOS PÚBLICO(S)
Se asistir ao teatro é unha experiencia transformadora, sen dúbida o noso rol como público(s) vai moito máis aló do rato que pasamos nunha butaca. Se ademais falamos de sermos público(s) hoxe das artes do movemento, o que se produce é sempre un desprazamento das pezas, que nos pode levar cara a moitos lugares, ou mover o chan do lugar no que estamos.
Este taller está pensado para afondar nas posibilidades e resonancias que esta experiencia –a de sermos públicos das artes do movemento– pode provocar, tanto en cada un ou cada unha de nós individualmente, como no conxunto das persoas que participamos, como público(s), do acontecemento singular e único que é sempre unha obra escénica.
Para isto, abriremos portas a todo aquilo que nos leva a ser público(s) despertos e activos, compartindo materiais e recursos sobre as linguaxes contemporáneas do movemento, sobre os procesos e obras dos creadores que están a darlles forma, sobre a experiencia do efémero, e sobre o que acontece despois de asistirmos á escena. Traballando a mirada dende o corpo sensible. A programación do ciclo TRC Danza 2019 serviranos como fío para a reflexión e o debate. As dinámicas do taller serán diversas, mesturando a teoría e a práctica, e procurando abordar a experiencia de sermos público(s) dende distintas prácticas que alimenten o debate –dende o visionado de vídeos e imaxes, pasando por lecturas comentadas e referencias, ata pequenos exercicios de escrita.
> UN TALLER DA MAN DE SABELA MENDOZA E CATERINA VARELA
A combinación de Sabela Mendoza e Caterina Varela como conductoras das sesións do taller de público(s) responde a mestura entre teoría e práctica que ofrecen xuntas nas sesións.
A primeira, investigadora e xestora cultural centrada nas artes escénicas e a creación contemporánea, especialmente no estudo da danza e a análise de políticas culturais, e a segunda, bailarina e artista en activo así como coordinadora de proxectos para o impulso das artes vivas no noso territorio, forman o equipo que virá abordar as dinámicas deste taller de público(s) no que analizar as distintas liñas de acción dos artistas do corpo hoxe en día.
> UNHA PRIMEIRA PARTE NO FESTIVAL DE PRIMAVERA
Acompañando o festival de primavera TRC Danza 2020 é que situamos a primeira parte do taller de público(s), valéndonos dos distintos artistas convidados ao programa. Artistas e obras que serven como puntos guía do mapa no que debuxar a ruta a camiñar durante o transcurso do taller. A presenza no noso teatro de creadoras e creadores como Colectivo Nerval, Mikel Aristegui, Andrea Quintana, Manuel Rodríguez, Amalia Fernández, Marta Alonso ou Diego Anido nas primeiras semanas de xuño, son un motivo marabilloso para tecer e destecer o que as súas obras provocan no outro.
Estas sesións estarán conducidas por Caterina Varela.
> UNHA SEGUNDA PARTE NA TEMPADA DE OUTONO
Na tempada de outono colleremos como referencias as distintas creacións e artistas que poderemos ver entre setembro e decembro: Kirenia Danza, La Intrusa, Sharon Fridman, Raquel Klein e Thomas Noone.
Estas sesións estarán conducidas por Sabela Mendoza e Caterina Varela.
> CANDO E ONDE
Festival primavera:
> martes 1 de xuño de 19 a 21 horas
> sábado 5 de xuño de 11 a 13 horas
> martes 8 de xuño de 19 a 21 horas
> sábado 12 de xuño de 11 a 13 horas
Tempada outono:
> mércores 6 de outubro de 19 a 21 horas
> mércores 20 de outubro de 19 a 21 horas
> mércores 10 de novembro de 19 a 21 horas
> mércores 1 de decembro de 19 a 21 horas
> Na Sala Xan Eirís do Teatro Rosalía de Castro
> Rúa Riego de Agua, 37, 15003, A Coruña
> CONVOCATORIA ABERTA
Taller de Público(s) é unha actividade gratuíta e o número máximo de prazas está limitado.
Todas as persoas interesadas nas sesións de primavera poden inscribirse a través do seguinte formulario:
https://forms.gle/Ev5druTg3UXLswMn7
A inscrición farase por orde de chegada das solicitudes.
Aínda que non é obrigatorio, agradecemos o compromiso de asistencia a todas as sesións, para favorecer a dinámica e continuidade do grupo.