O proxecto de Programación Expandida do TRCDanza é un programa de mediación cultural vinculado ao programa anual de danza do Teatro Rosalía de Castro de A Coruña. Un proxecto onde aplicar de maneira práctica o concepto de Programación Expandida adecuándoo a un programa de danza que, dende o ano 2012, foi activado dende un teatro público desta cidade.
> POR QUE ESTE PROXECTO?
Este proxecto responde a un movemento de reflexión e diálogo entre as persoas vinculadas ao sector e ten o seu xermen dentro do proceso participativo que se articula a principios do ano 2014 en Galicia.
Despois dunha primeira convocatoria en facebook a toda a comunidade da danza e outras persoas vinculadas ás artes vivas e ao pensamento contemporáneo de Galicia, e da respuesta activa dunhas 20 persoas desenvolvimos nunha primeira reunión un Plan Estratéxico para a danza e a creación contemporánea a través de tres grandes líñas de acción acordadas entre todas:
-
Xerar contexto para a programación e os artistas que pasan pola cidade
-
Mapear recursos (espazos, persoas, etc) vinculados ao sector
-
Activar un espazo teórico-crítico (reflexión, novas prácticas, etc)
Estas liñas xenéranse a partir dunha análise na que abordamos de forma colectiva as urxencias, os recursos dos que dipoñemos e os posibles cruces entre ambos. A partir destos cruces deseñamos as liñas estratéxicas de traballo.
A primeira liña estratéxica que se activa é a de Xerar Contexto e o fai para o proxecto Mov-s, coa intención de desenvolver un proceso de curadoría colectiva para os contidos de Mov-s Galicia: un espacio para o pensamento e a acción colectiva arredor das artes vivas que se organiza de forma itinerante por iberoamérica e que na edición 2014/2015 ten unha primeira parada en Galicia onde se abordan dous temas prioritarios hoxe nas artes vivas no mundo: programacións expandidas e o papel dos museos en relación ás artes vivas.
Neste proceso de curadoría colectiva participaron unhas 25 persoas de toda Galicia que posteriormente tamén participaron no encontro na Illa de San Simón en Marzo de 2014.
Deste encontro extráese un documento escrito colaborativamente que sitúa o marco teórico deste concepto de Programación Expandida e ao que vos animamos a achegarvos no seguinte enlace:
> COMO ABORDAMOS A PROGRAMACIÓN EXPANDIDA AQUÍ?
O concepto de educación expandida, do que xa se empezaba a falar e escribir dende o colectivo ZEMOS98 e o profesor da Universidade e A Coruña Juan Freire, entende a educación dende moitas capas e lugares, de xeito pluridireccional, dende unhas ás outras, dende as outras ás unhas. Contén a educación formal e a non formal, a que surxe nas aulas e a que surxe na vida, a que implica a diferentes colectivos e persoas, a que comporta tempos concretos e tempos difusos, etc...
Este concepto, nacido no ámbito da educación, trasladámolo ao campo da mediación cultural e da relación entre artistas e cidadáns tomando a ámbolos dous non só como persoas receptoras de información se non como persoas proactivas, xeradoras de contidos, coñecemento e experiencia intercambiable e compartible.
Tentando abordar as lóxicas deste marco teórico á par que as necesidades e peculiaridades concretas do ciclo de danza que acompaña, as claves de este proxecto descansan en catro pilares fundamentais:
-
A apertura das claves da obra do artista convidado coas distintas comunidades locais, por medio do deseño específico de accións que relacionen ao artista e a cidadanía máis aló da presentación no teatro.
-
As colaboracións cos distintos espazos e comunidades desta cidade de forma plural, diversa e inclusiva.
-
A responsabilidade de xerar elementos que contextualicen de xeito adecuado a todos e cada un dos artistas convidados.
-
O empeño por visibilizar de forma rigurosa, específica e cuidada as experiencias que nos brinda este programa.
Con este marco de vontades sumerxímonos nun deseño específico de accións para cada un dos artistas convidados, sempre en constante diálogo tanto co artista como cos distintos colaboradores cos que nos relacionamos co ánimo de construir a mellor das propostas para cada un deles.
> CALES SON OS NOSOS COLABORADORES NA CIDADE?
Unha pata fundamental deste proxecto non pode ser outra que a relación cos distintos axentes do territorio no que nos situamos. As relacións de diálogo que creamos con cada un destes cómplices son as que nos permiten deseñar de forma expandida, exponencial e diversa cada unha das accións que acompañamos.
No seguinte enlace podedes botarlle un ollo ao mapa de colaboracións que vimos tecendo nestes cinco anos:

> QUEN COORDINA ESTE PROXECTO?
O proxecto está coordinado por Caterina Varela (dende 2014) e conta coa produción e mediación de Sabela Ramos (dende 2020) coa complicidade de Paulo Rodríguez, o director do Teatro Rosalía Castro, que dende o primeiro momento apoia, impulsa e acompaña o desenvolvemento deste proxecto.
Un proxecto que nacía no ano 2014 dende un equipo independente de mediadoras culturais formado por Claudia Delso, Natalia Balseiro e Caterina Varela, tres persoas que traballaron no primeiro deseño e acompañamento deste proxecto. Ademais, entre a tempada de outono do ano 2015 e 2017 estivo acompañado por Andrea Quintana no deseño de proxecto e mediación. Todas elas persoas que foron quen de alimentar enormemente as chaves do proxecto que temos hoxe en día.
É importante suliñar a diferencia entre o programa de danza TRCDanza (composto por unha serie de propostas artísticas elexidas por Paulo Rodríguez na súa calidade de programador e director do teatro) e o proxecto de Programación Expandida que actúa en base ao programa de compañías convidadas ao teatro.
> QUEN APOIA ESTE PROXECTO?
Os recursos económicos para este proxecto dependen fundamentalmente das aportacións de dúas institucións públicas: en primeiro lugar, a Concellería de Culturas do Concello da Coruña e, en segundo lugar, da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).


