
Paloma Hurtado & Daniel Morales
Ina
sábado 8 de outubro > 20.30h
<INA> é un espectáculo que pon o foco no concepto da luz, esa luz que non vemos pero que brilla con intensidade dentro de nós. Unha viaxe que nos convida a mirar ao ceo e ás estrelas que o compoñen, na busca de facernos sentir a conexión coa esencia, con ese foco de luz que nos alimenta e nos fai iguais. Sobre o escenario, Paloma e Daniel, dous corpos e a luz.
Vivimos a noite en caída libre cara ás estrelas. O planeta perdeu a gravidade e subímonos a esa estrela que acaba de pasar. Desaparecemos mentres soan as súas risas de lonxe. Un estalido de luz conéctanos cos nosos soños. Somos po de estrelas.
<INA> é a colaboración desexada entre Paloma Hurtado e Daniel Morales, que tras anos cruzando as súas traxectorias, finalmente atopan o espazo-tempo para coincidir nesta viaxe. Ambos intérpretes comparten unha linguaxe de danza contemporánea que vai alén da forma, atendendo ao contido, á mensaxe e á relación da creación escénica coas audiencias.
Créditos
creación >> PALOMA HURTADO, DANIEL MORALES & ALFREDO DÍEZ I interpretación >> PALOMA HURTADO & DANIEL MORALES I iluminación >> ALFREDO DÍEZ I rigging >> LUCAS L. SALA I maquillaxe >> RAYCOSTUDIO I vídeo >> SERGO MÉNDEZ I colabora >> ESPACIO LA GRANJA, TEATRO DE EL SAUZAL & TEATRO VICTORIA
Expandida relacionada
Coloquio con Paloma Hurtado e Daniel Morales
> sábado 8 de outubro ao finalizar a función no patio de butacas do Teatro Rosalía Castro
ILUMINACIÓN E COREOGRAFÍA AÉREA
Un encontro con Paloma Hurtado, Daniel Morales, Alfredo Díez e Luca Lorenzo Sala
A creación en danza contemporánea parte normalmente de sensacións, improvisacións, músicas e sons, momentos e situacións. O movemento non ten porque estar limitado ao plano do escenario adoito (ancho e fondo), sendo todo o volume (altura) un espazo susceptible de ser explorado, e desde o cal a linguaxe do corpo adquire outros significados.
Existe outra linguaxe, a luz, que forma parte deste tipo de pezas. Esta axuda a reforzar as ideas que se queren expresar, ou mesmo expor ideas paralelas, funcionando como un medio no que os e as artistas do movemento habitan.
Este encontro é unha oportunidade para achegarse, tanto desde a vertente técnica como da creativa, aos procesos de concepción, deseño e montaxe de iluminación e coreografía aérea, tomando como exemplo o espectáculo <INA>.
> venres 7 de outubro de 12.30 a 14 horas na Escola de Imaxe e Son.
> a actividade está dirixida ao alumnado da propia escola.
APRENDER FACENDO
Unha práctica técnica para o alumando da Escola de Imaxe e Son na montaxe de <INA>
En continuidade co encontro Iluminación e coreografía na Escola de Imaxe e Son, esta actividade está dirixida ao alumnado da escola, para que poidan participar activamente da montaxe de <INA> no Teatro Rosalía Castro, no mesmo día da función.