
Furia Sotelo
Mortais e vulnerables
domingo 13 de novembro > 20.30h
<MORTAIS E VULNERABLES> é un espectáculo que contén un paradoxo dende a súa formulación inicial, xa que xorde do desexo de encontro, da necesidade do encontro e da vontade de continuar indagando na práctica da creación colectiva.
Un corpo vulnerable; fráxil ante as olladas que o fortalecen. Un corpo que se constrúe a través das outras. Un corpo ao servizo das olladas de diferentes coreógrafas que acompañan o proceso de creación.
Mortalidade e vulnerabilidade como aquelo que nos une, aquelo común a todos os corpos, a tódalas existencias. Un corpo como todo os corpos; na súa particular e única materialización. Unha existencia que se constrúe en relación. Sempre a mutua referencia, sempre a interdependencia, o alimento, o colo, a entrega. As gretas da fraxilidade creadas polo desexo. O teu desexo fortaléceme, o meu desexo vulnerabilízame ante ti.
Nuria Sotelo é bailarina e creadora artística galega, que colabora como intérprete con numerosas compañías do territorio, como o Centro Coreográfico Galego, Elefante Elegante ou Matarile Teatro. En 2011 comeza a súa compañía Licenciada Sotelo, dende a que impulsa numerosas creacións. Agora, tras 11 anos de traxectoria, a formación recibe unha nova identidade baixo o nome de Furia Sotelo. No 2018, comeza co seu compañeiro Rubén Vilanova o centro de creación A Casa de Vella, un espazo para a danza e as artes do movemento situado no rural, en Amiadoso (Ourense).
Créditos
creación >> NURIA SOTELO, BEATRIZ PALENZUELA & RAFAEL DE LA LASTRA I dirección e coreografía >> NURIA SOTELO I asistentes de coreografía >> ALEJANDRA BALBOA, BEATRIZ PALENZUELA & RAFAEL DE LA LASTRA I colaboracións >> MÓNICA GARCÍA, NACHO CÁRCABA & ELISA MEDINA HUDGINS I son >> MOUNQUP I deseño de iluminación >> DEL RUIZ
Expandida relacionada
Coloquio con Furia Sotelo
> domingo 13 de novembro ao finalizar a función no patio de butacas do Teatro Rosalía Castro
Identidades sexuadas
Unha práctica sobre sexoloxía e danza con Nuria Sotelo
> sábado 12 de novembro de 17.30 a 19.30 horas no Centro Ágora
A peza <MORTAIS E VULNERABLES> de Furia Sotelo achégase á investigación de Efigenio Amezúa, un dos pais da sexoloxía en España e director do Instituto de Sexoloxía Incisex, onde Nuria Sotelo realizou o Mestrado en Sexoloxía que lle abriu a ollada cara un novo xeito de analizar a realidade dos suxeitos sexuados e as súas relacións. Hoxe en día, o facer artístico de Nuria Sotelo está impregnado desta nova perspectiva.
A artista propón unha práctica física e un achegamento teórico á base conceptual desta peza. Neste espazo compartido exploraremos a construción das nosas identidades e o noso ser e estar no mundo como suxeitos interdependentes que nos imos construíndo en relación.
> sábado 12 de novembro de 17.30 a 19.30 horas no Centro Ágora.
> a actividade, gratuíta e con prazas limitadas, está dirixida a todas as persoas que se sintan chamadas pola proposta.
> inscricións abertas dende o 1 de novembro.