Con motivo do Día das Letras Galegas visita o noso teatro a compañía de Fran Sieira coa súa peza <EntreSoños>, unha obra de baile tradicional galego no marco da danza contemporánea que indaga no cruce de camiños existencial que aparece cando aparece o momento de loitar polos teus soños.
<EntreSoños> pon enriba do escenario a tres bailadores/cantadores: Fran Sieira, Aida Tarrío e Xisco Feijoó, ao son da música do compositor e músico multidisciplinar Anxo Pintos. Colaboran ademais, a escenógrafa Vanesa Hernández, o deseñador de iluminación Luis Perdiguero e o deseñador de vestiario Alessio Meloni.
Fran Sieira, que conta cunha intensa traxectoria como bailador de danza tradicional galega, conta para esta primeira produción da súa nova compañía coa visión contemporánea do director artístico David Vilarinyo que ven desenvolvendo a súa traxectoria entre Madrid, Zurich e Australia.

