top of page

Texto para a Revista Galega de Teatro

RGT, Nº88, Xaneiro 2017

Por Caterina Varela e Andrea Quintana

(Texto en galego)

Superar o abrir e pechar o pano

ou cómo entender os teatros como espacios expandidos

 

Do mesmo xeito que no pasado encontro de Mulleres Creadoras do Festival Internacional de Teatro de Ourense -onde estivemos convidadas para falar deste mesmo proxecto- comenzabamos a nosa presentación cunha pequena introdución da deriva que nos fai hoxe falar dende un lugar que non é como bailarinas ou creadoras en exclusiva reiteramos, neste pequeno texto, a mesma idea motor. Un apunte que, baixo o noso punto de vista, moito terá que ver na construción dun mellor ecosistema para as artes escénicas no noso país.


O termo de “bailarina-etcétera”, adaptación libre dos artistas-etcétera que apuntaba Basbaum, podería titular un perfil que comeza a multiplicarse polo Estado -que nolas dúas compartimos hoxe- e que, como exemplo entre tantos outros, pode axudarnos a comprender as claves que quixeramos transmitir hoxe do proxecto de Programación Expandida do TRCDanza. Que as coordinadoras de este proxecto sexamos bailarinas e creadoras en activo fainos reflexionar sobre esta idea de “artista xerador de contexto”, un artista desdobrado entre a práctica artística propia e a preocupación de afectar mellor ao seu contexto que, coa licencia que nos permite firmar este texto, podemos definir como un dos mellores activos en termos de capital humano para unha construción de políticas culturais de calidade.


Para entender a insistencia da anterior idea en relación ao noso proxecto convén comezar polo principio sinalando que este proxecto de Programación Expandida nace como consecuencia directa do proceso de pensamento colectivo que se vive en Galicia nos últimos anos.


No ano 2014 prodúcense unha serie de encontros en Galicia con diferentes persoas relacionadas coas artes vivas do noso territorio chamados Misa de Domingas, un guiño á cita semanal en domingo ás 12 do mediodía. Nestes encontros faise un exercicio de análise colectiva das urxencias e recursos que se poderían abordar de forma prioritaria en Galicia e unha das urxencias que se detecta é a de “xerar un mellor contexto para a danza en Galicia”. Inmediatamente despois Natalia Balseiro abre a porta para unha curadoría colectiva para os contidos do Mov-s, un encontro promovido dende o Mercat de les Flors e pilotado pola propia Natalia, que no ano 2014 facía a súa primeira parada na Illa de San Simón.


Unha das liñas que se decide comezar a construír nese marco é a liña de Programación Expandida (PE) para a que se redacta un documento colectivo que sitúa a base teórica e conceptual do que entendemos por PE e que é o corazón da nosa tradución ao proxecto concreto que hoxe coordinamos.


A coincidencia temporal da necesidade de Paulo Rodríguez como director do Teatro Rosalía de Castro de A Coruña dun proxecto de creación de públicos que acompañase o seu esforzo para con a danza e este proceso de pensamento colectivo fixo posible o nacemento dun proxecto piloto onde poñer en práctica este concepto de PE e que a día de hoxe xa pecha o seu terceiro ano de vida. Para non dar lugar a confusións é importante sinalar que o programa artístico é elixido por Paulo Rodríguez na súa calidade de director do teatro e que o deseño da Programación Expandida adhírese a este programa de convidados xa existente.

 

Nesta concatenación de feitos hai moito desa idea de “fagámolo xuntas”, dende as persoas de perfís híbridos que abordaron xuntos non só as urxencias senón os textos resposta a elas, ata un programador que entende a esa comunidade artística preocupada polo contexto como cómplice do seu equipamento cultural na construción de posibles. É simplemente unha cuestión de transversalidade, coas dúas mans no lume gritemos con seguridade que farémolo mellor se o facemos xuntas.


A esta altura do texto convén responder á pregunta “facer o que”, ”a que lle chamades programación expandida”, así que tentaremos transmitir nas seguintes liñas as capas e liñas de acción concretas do noso proxecto, simplemente como experiencia a compartir e non como exemplo a seguir xa que non deixa de ser unha tradución propia dun marco teórico -este si exemplar- que en tanto tradución conleva transformación non carente de debilidades.


Se falamos das capas de afectación que consideramos abordar comezaríamos distinguindo a de os artistas convidados ao programa e a vontade de recuperar a figura do teatro como anfitrión. Por unha banda, os artistas convidados ao programa ofrécennos o libro de coordenadas dende onde construír ese programa expandido entendendo que a potencia da obra do artista é moito máis ampla que a peza que presenta no escenario, e que a relación que podemos alcanzar entre convidado (artista) e anfitrión (teatro) pode ser moito máis nutritiva para o territorio onde opera.


Como segunda capa de afectación a da comunidade artística local, por unha cuestión de ética e responsabilidade co territorio no que operamos non sería posible entender este proxecto sen ter en conta as potencias do ecosistema artístico do noso territorio. Os artistas veciños son cómplices e un eixo fundamental para o desenvolvemento de distintas liñas de acción que activamos.


A seguinte capa sería as das distintas comunidades (de ámbito educativo, social, artístico) coas que nos queremos relacionar na cidade e os distintos cómplices colaboradores cos que traballamos para chegar ata elas. Este proxecto procura o desbordamento, a expansión máis aló do teatro, cada unha das portas que abrimos ao longo da cidade funciona como bisagra que fai posible avanzar no camiño de normalizar a danza na sociedade como ferramenta transformadora da nosa realidade. Puidemos traballar man a man con escolas de arte, facultades, bibliotecas, conservatorios, museos, centros cívicos, institutos ou escolas e ter experiencias máis que inspiradoras coas comunidades que as compoñen. Persoas que reciben a danza cos brazos abertos.


Como última capa de afectación, a capa da audiencia e a preocupación por conseguir ese espectador comprometido co programa, persoas que debemos coidar e alimentar de forma integral. Unha das estratexias que nos pareceron importantes para abordar esta cuestión foi a de “humanizar” o teatro: por exemplo visibilizando a cada artista a súa chegada á cidade facendo unha video-invitación ou activando eses espazos de coloquio post-función co público e os integrantes da compañía, sen esquecer todo o esforzo en comunicación que lanzamos con este propósito.


A partir da combinación destas catro capas de afectación construímos as distintas liñas de acción do proxecto que, de xeito resumido, poderíamos agrupar en visibilización, xerar arquivo e as distintas accións expandidas. Sendo o soporte deste texto a Revista Galega de Teatro paga a pena subliñar a liña de xerar arquivo, diálogo e pensamento en torno á danza, unha serie de publicacións que, baixo o título de Pre-textos, pretenden contextualizar dunha maneira específica a cada artista convidado co foco posto en determinada clave da súa obra. Publicacións para as que lanzamos un convite a persoas de distinto perfil de dentro e fóra do territorio e que, baixo a liberdade dunha carta branca, suman xa vintetrés publicacións de distinta índole e formato. Animámosvos a mergullarvos en cada unha delas na nosa paxina web, hai tanto que ler, falar e escoitar en torno a danza e a creación contemporánea!


A liña das accións expandidas constrúe o groso do noso proxecto que baixo a premisa de “afectar dende o corpo” desemboca en toda unha serie de prácticas de relación entre os artistas convidados, os espazos, as comunidades e as persoas colaboradoras da cidade. Cunha filosofía-bandeira de expansión tratamos de traspasar os muros do teatro para que a cidade responda dende o outro lado. Nestes tres anos de proxecto tivemos tempo de formular numerosas prácticas expandidas, dende levar a un artista convidado a dar unha clase a un conservatorio a programar unha serie de conferencias doutro artista local en varias facultades ou achegar a mirada dun iluminador a unha escola de imaxe e son, por poñer un par de exemplos. Con cada unha destas prácticas imos tecendo esa gran familia de persoas as que a danza contemporánea xa lles tocou a pel e que iremos atopando no patio de butacas, persoas as que saudaremos polo nome tal e como nos abren a porta os anfitrións dunha casa a que fomos convidadas a gozar dunha velada entre amigos.
 

Para ir rematando compre lanzar ao aire algúns cuestionamentos que nos fagan preguntarnos a cada unha de nós como poderíamos abordar o ecosistema da danza en Galicia. Preguntas abertas que procuren unha desviación na dirección da nosa mirada e que arroxen luz sobre o campo de posibles a investigar.
 

Unha pregunta -entre tantas outras- podería ser canto do concepto de PE poderíamos aplicar en cada un dos nosos proxectos aquí en Galicia -xa sexan festivais, centros de produción, teatros ou creacións artísticas- e se somos ou non capaces de integrar e normalizar prácticas de desbordamento en cada un deles. Preguntarnos tamén se un teatro no 2016 ten que ocuparse só de abrir e pechar o telón ou se as competencias teñen que ampliarse para acoller un volume de prácticas que non só sexan as de exhibición. É posible que un teatro a día de hoxe poida entenderse a si mesmo como un organismo moito máis complexo, un espazo moito máis plural.

 

Outra pregunta sería se estamos preparados ou non para unha construción de políticas culturais públicas coa comunidade artística como coautora da propia estratexia a deseñar. Unha sensación -compartida por moitos artistas do territorio- é a de sentir que o convite chega cando xa está a mesa posta e elixido o menú. Ao mellor a cociña tamén é cousa nosa.

Erregueté Revista Galega de Teatro
Erregueté Revista Galega de Teatro
bottom of page