Assamblé é un proxecto de activación da comunidade educativa do Conservatorio de Danza da Deputación de A Coruña. Gracias á colaboración con distintos artistas do noso territorio brinda a oportunidade ao alumnado dos últimos cursos do centro de formar parte en primeira persoa dun proceso de creación preparado de xeito específico para eles.
Teñen a oportunidade de participar como bailaríns e bailarinas dunha peza dirixida por un/unha coreógrafo/a profesional que será amosada ao público no escenario do Teatro Rosalía de Castro en decembro de 2018, ademáis de varios encontros teórico-prácticos con distintos artistas de dentro e fóra de Galicia.
A segunda edición de Assamblé en 2018
A segunda edición de ASSAMBLÉ contou ca participación de Alba Fernández Cotelo e Estefanía Gómez como as artistas elexidas para levar a cabo o proceso de creación co alumnado. Dúas creadoras e bailarinas profesionais da nosa cidade que foron alumnas do propio conservatorio na súa época de estudantes.
A peza mostrouse no escenario do Teatro Rosalía de Castro o mércores 12 de decembro de 2018, na xornada de presentación dos distintos procesos de creación que levamos a cabo durante o ano. O mesmo día abrimos o pano cun programa triple composto pola creación de MASA a cargo de Cris Vilariño co alumnado do IES Zalaeta, esta creación do programa Assamblé e a creación feita co alumnado da Universidade Senior da man de Helen Bertels e Ana Beatriz Pérez.
Ademáis do proceso de creación con estas dúas creadoras o alumnado puido disfrutar de distintos encontros con máis artistas en activo do panorama nacional. Visitaron o centro Ana Serantes e Isabel Sánchez para conducir unha práctica para familiares e alumnado o venres 16 de novembro de 2018, Jesús Rubio Gamo coa súa práctica de movemento titulada "O misterio do corpo" o día 30 de novembro de 2018 e Daniel Abreu coa práctica "Corpo e aire" o día 13 de decembro de 2018. Ambas prácticas abertas tanto a alumnado como a persoas externas interesadas.
Relatoría gráfica de Patricia Iglesias para Assamblé 2018
E do mesmo xeito que o ano anterior, redondeamos o programa cunha relatoría gráfica que este ano firmou Patricia Iglesias na serie de vídeos que acompañaron o proceso de creación.
Vídeo do proceso de creación Assamblé 2018
Neste vídeo que atoparedes a continuación podedes botarlle un ollo ao proceso de creación Assamblé 2018 da man de Alba Fernández Cotelo e Estefanía Gómez.
A primeira edición de Assamblé en 2017
O desexo que activou o programa Assamblé en 2017 non era outro que o de traballar máis de cerca co alumnado do centro, establecer unha relación de maior proximidade. Para isto, plantexamos unha serie de accións nas que ofrecer aos estudantes de danza do territorio unha experiencia real con artistas profesionais que están traballando en activo nestes momentos a través dun proceso de creación preparado de xeito específico para eles e unha serie de encontros con artistas de perfís transdisciplinares.
O artista colaborador elexido para pilotar o proceso de creación foi Alexis Fernández. Dímoslle carta blanca para traballar de maneira intensiva cunha ducia de alumnas e alumnos de 5º e 6º do centro co acompañamento indispensable de Armando Martén, o profesor de danza contemporánea do Conservatorio. A creación resultante, titulada ANTONIO, foi amosada o mércores 13 de decembro de 2017 no Teatro Rosalía de Castro, na mesma xornada de presentación do Proxecto MASA, o proceso de creación cun centro de secundaria da cidade.
Para reforzar a experiencia de formar parte do proceso de creación prantexamos dous encontros con varios profesionais das artes vivas que puidesen trasladar distintas ramas da creación artística que orbitan arredor da creación escénica. A nosa aposta foi contar con María Roja e Natxo Montero, aproveitando que a primeira vive na cidade e o segundo achegaríase como integrante dunha das compañías convidadas ao programa.
E para rematar o programa, disfrutamos dunha práctica para familiares e alumnado pilotada por Ana Beatriz Pérez e Alba Fernández Cotelo. Unha xornada lúdica na que os pais e nais achegáronse de forma activa á danza entrando na aula na que os seus fillos e as súas fillas pasan tantas horas ao día durante anos.
En definitiva, un despliegue de accións para activar ao alumnado máis próximo á danza na cidade.
Relatoría gráfica de Bea Lema para Assamblé 2017
Para o apartado da documentación da primeira edición do programa quixemos facerlle un convite a deseñadora e ilustradora Bea Lema para que deixase constancia de ASSAMBLÉ de xeito gráfico. O resultado do seu proceso creativo resúmese en 14 marabillosas ilustracións que achegan dun xeito fantástico o que puidemos vivir dentro deste proxecto.












