top of page

> ACCIÓNS EXPANDIDAS 2018

No marco dos estudos universitarios de Comunicación Audiovisual unha conferencia dun artista como Félix Fernández - amplamente recoñecido polo seu traballo como artista visual multidisciplinar- debe resultar canto menos inspiradora para o seu alumnado.

 

Escoitar por boca desde artista, que teceu a súa traxectoria dende o vídeo-arte puro e duro ata múltiples e híbridos formatos que o levan hoxe a estrear <50 minutos de simulación programada>, unha peza cunha integración marabillosa de vídeo na escea, arroxa luz sobre todas as potencias que a partitura audiovisual ofrece hoxe en día.

> martes 17 de abril ás 18 horas na Facultade de Comunicación Audiovisual no Campus de Elviña

> unha actividade aberta a todas as persoas interesadas.

Calquera motivo é bo para abrir as portas do teatro para bailar, pero se ademais é o Día Internacional da Danza a cita convértese en festa e o escenario do noso teatro na casa de todas.

Queremos deixar a porta aberta durante toda a mañá do domingo 29 de abril para que subades connosco ao escenario e vos deixedes levar polas propostas dos nosos artistas convidados. Propostas de iniciación á danza -dende o Lindy Hop ata a danza contemporánea- co marabilloso acompañamento de DJ Teresa de Praia. Unha mañá de domingo pensada para movernos todas xuntas, persoas de todas as idades bailando o noso teatro.

> domingo 29 de abril no Teatro Rosalía de Castro

> clase de iniciación á danza para familias con Cristina Montero de 10 a 11 horas

> clase compartida de iniciación á danza contemporánea e ao Lindy Hop con Armando Martén e a asociación Loopy Hoppers de 11.30 a 14 horas

A idea desta conversación aberta ao público entre o artista Félix Fernández e o recoñecido guionista Javier Trigales non é outra que poñer sobre a mesa distintas cuestións a cabalo entre o cine e a performance.

 

Un percorrido comentado a  través da obra de ambos artistas e de tantos outros autores referentes nos que apoiarse á hora de poñer en xaque a narrativa audiovisual e escénica.

 

Unha oportunidade de ouro para coñecer máis de cerca a dúas persoas cunha magnitude artística máis que notable.

> xoves 19 de abril ás 19 horas no MAC (Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa)

> unha actividade aberta a todos as persoas interesadas.

Na súa intensa carreira como coreógrafo, Javier Martín sempre foi quen de atopar vías de diálogo con ramas da investigación que van moito más alá do mundo da danza.

 

Ademais do seu achegamento habitual a outras esferas artísticas, que o levaron por exemplo a colaborar co pianista Oleg Karavaichuk ou co cineasta Tono Mejuto, o seus desbordamentos tamén atopan interlocutores que a miúdo vemos máis afastados do mundo do arte.

 

Nesta ocasión a práctica proposta levarase a cabo co alumnado da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física. O foco da práctica porá atención no entrenamento inconsciente que nos leva a un mal hábito corporal. Traballaranse asuntos relacionados coa homeostasis, a potencia, os fulcros inerciais, os micromovementos e o eixo.

> xoves 3 de maio no Teatro Rosalía de Castro de 12 a 14 h

> unha actividade realizada coa colaboración da profesora Marta Bobo

Dentro do conxunto de accións expandidas que preparamos co artista Javier Martín e en relación ao que poderíamos dicir o seu constante activismo pedagóxico para con a danza, abriremos o teatro durante dúas sesións preparadas especialmente para o alumnado da Facultade de Ciencias da Saúde.

 

Se decimos que somos produtos dunha cultura: ¿como son tales procesos de subxecitivización e como destapar estratexias que os desarticulen? 

 

Cuestións como a propiocepción, o locus de control, a anatomía fascial e as texturas de movemento (balismos, mioclonos, parestesias, coreas e outras calidades de movemento) son algúns exemplos das referencias científico-teóricas que sobrevoarán esta práctica de movemento.

> xoves 3 de maio e mércores 9 de maio no Teatro Rosalía de Castro de 16 a 18.30 h

> unha actividade realizada coa colaboración das profesoras Nereida Canosa Domínguez e Laura Nieto Álvarez.

Javier Martín ábrenos as portas do seu estudio da Cidade Vella para atoparnos con el dentro das catro paredes nas que traballa, as catro paredes que acollen o traballo do autor, do artesano, do investigador. O seu espazo de intimidade.

O prantexamento da xornada é partillar unha mañá de sábado na que o artista na súa calidade de anfitrión convídanos ao seu espazo coa vontade de achegarnos un pouco máis á súa realidade diaria. 

A continuación, o paseo ata a Rúa Torreiro lévanos ao taller de Manolo Cremallera, habitual colaborador de Javier Martín, para coñecer o espazo de traballo deste outro artesano da cidade, recoñecido polas pezas de roupa fabricadas en pel cun deseño e calidades marabillosas.

> sábado 5 de maio de 12 a 14 horas

> punto de encontro no estudo de Javier Martín (Rúa General Troncoso, 16, 1º).

> taller de Manolo Cremallera (Rúa Torreiro, 11, 1ºD)

O libro do artista e flamencólogo Fernando López titulado <De puertas para adentro: disidencia sexual y disconformidad de género en la tradición flamenca> é un ensaio sobre a homofobia en certos sectores do mundo flamenco. O texto combina a experiencia persoal de Fernando López como bailaor e un estudo riguroso sobre as estratexias que diversos artistas flamencos desenvolveron, dende finais do século XIX ata a actualidade, para amosarse no escenario e negociar de distintos xeitos cos códigos heteronormativos do momento. 

En colaboración con <Fiandón. Libros de Vello> teremos oportunidade de atoparnos co propio autor na presentación desta obra na cidade. Este encontro realízase o día previo á presentación no Teatro Rosalía de Castro  do seu espectáculo <Bailar en hombre> ca vontade de contextualizar un pouco máis a súa proposta para o escenario.

> venres 25 de maio ás 20 horas en:

    Fiandón. Libros de Vello (Rúa San Roque 11)

 > unha actividade aberta a todas as persoas interesadas.

AE9_OasisParaiso.png

Despedimos o verán e arrancamos ca temporada de outono cunha actividade expandida na rúa a cargo do marabilloso grupo de creadoras e intérpretes galegas que comparten o  programa especial de Oasis Paraíso.

Tomando como concepto principal a idea de nomadismo que inspira a peza "2419CJX", de Begoña Cuquejo e María Roja, instalamos os corpos-casa das artistas no espazo público -no espazo de todas- construíndo con as persoas paseantes unha intimidade compartida.

 

Na nosa cita poderemos atoparnos con todas elas -Diego M. Buceta, Areta Bolado, Ailén Kendelman, Begoña Cuquejo e María Roja- quenes nos achegarán algúns dos motivos das creacións que amosan nas táboas do escenario o mesmo sábado pola noite.  Nos volas perdades á luz do día e en corta distancia!

> sábado 15 de setembro de 15.30 a 17 horas.

 

> na Explanada do Parrote (parte traseira do Teatro Rosalía de Castro).

AE10_SharonFridman.png

Como ven sendo habitual nas últimas producións de Sharon Fridman, o coreógrafo incorpora a presenza e participación de persoas de a pé de cada un dos lugares onde realiza a posta en escena, dándolles a oportunidade de integrarse dentro do proceso creativo que se desenvolve coa súa equipa de intérpretes profesionais.

Na súa visita a nosa cidade, teremos a oportunidade de compartir unha práctica de movemento co creador nas táboas do escenario. Unha práctica dirixida a persoas que queiran adentrarse na investigación de movemento e na escoita dende o corpo, máis alá da idade, a experiencia ou a condición física. 

 

Na sesión de dúas horas de duración traballarase coas ferramentas de contact habituais do traballo do coreógrafo israelí, tendo a opción de participar nunha poética e máxica escena na que todos os integrantes da compañía e as persoas participantes viaxan espidas, da peza de All Ways que se presenta no noso teatro o mesmo xoves ás 20.30 horas.

> xoves 11 de outubro de 10 a 12 horas

> no escenario do Teatro Rosalía de Castro

  

> unha actividade aberta a todas as persoas interesadas, previa inscrición en trcdanza@gmail.com.

AE11_LaMacana.png

Con este microprograma de inmersión artística para familias o que se busca é atopar resortes dende onde activar o diálogo coa nosa familia a través das distintas expresións artísticas que temos ao noso alcance na cidade. Comentar unha peza de teatro ou danza, unha pintada da rúa ou a última exposición dun museo son excusas marabillosas para que o pensamento crítico xurda e se poña en acción. Con esta vontade nace esta proposta que acompaña o paso da compañía La Macana coa súa peza <Pink Unicorns> polo noso teatro. Unha peza preparada cunha constelación padre-fillo no escenario.

¿Cal é a música que máis escoitas? ¿Cres que a tua nai lle gusta esta pintura? ¿Qué elexides da oferta cultural da cidade para ir a ver xuntos na vindeira semana? ¿Bailamos xuntos? ¿Qué sintes cando participas desta instalación? Preguntas para abrir a mecha da reflexión conxunta a través das dúas sesións nas que facer un achegamento básico á creación artística contemporánea, coa vontade de activar novas ferramentas de comunicación entre nais, pais, fillos e fillas.

> venres 19 de outubro e 9 de novembro de 18 a 20 horas

> no escenario do Teatro Rosalía de Castro

  

> unha actividade aberta e dirixida a pais, naie e rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos, previa inscrición en trcdanza@gmail.com.

A12_PisandoOvos_Viraventos.png

DJ Jas Processor, colaborador da última peza de Pisando Ovos, compartirá as súas ferramentas como DJ nun intercambio musical de culturas diversas, coa finalidade de construír entre todas unha colaxe sonora coas músicas que traian os participantes de distintas procedencias.

 

Grazas a colaboración coa ONG Viraventos, entidade orientada á acollida de inmigrantes na nosa cidade, sumámosnos con esta pequena actividade aos múltiples e necesarios proxectos de convivencia e intercambio cultural que nacen dentro desta iniciativa, unha iniciativa que traballa a prol da construción dun territorio diverso cos galegos e galegas de aquí e de acolá.

A práctica, de dúas horas de duración, achegará ás persoas participantes nocións básicas da remezcla sonora da man de Jas Processor, investigador e cazador de tendencias musicais contemporáneas e do pasado. Coñecido pola súa capacidade para “procesar” o son e as cancións de xeito creativo e en directo, Jas Processor é un dos DJ’s máis versátiles e recoñecidos  da escena galega.

> xoves 25 de outubro de 17 a 19 horas

> na ONG Viraventos (Rúa Monasterio de Caaveiro, 4)

  

> unha actividade aberta a todas as persoas interesadas

AE13_PisandoOvos_Puticlu.png

Trasladamos unha práctica de movemento da compañía Pisando Ovos a un local de actividade nocturna da cidade, para vibrar coa música electrónica e o ambiente dun club da man da coreógrafa Rut Balbís e o DJ Jas Processor.

En <Directo 9>, a última peza da compañía, a figura do DJ e a música en directo tomou un lugar protagonista co que abrir un diálogo en movemento. A partir da pesquisa que desenvolveron para esa creación propoñen con esta práctica nocturna compartir esa vibración ou movemento conxunto que nos fai tolear nos concertos de masas. Unha experiencia de danza distinta, nun espazo non convencional, conducida pola coreógrafa e coa banda sonora do multifacético DJ.

A práctica se tece en colaboración co pub Puticlú, un dos máis míticos locales nocturnos da cidade, no barrio de Montealto.

> sábado 27 de outubro de 23 a 1 horas.

> no pub Puticlú (Rúa Justicia, 18)

  

> unha actividade aberta a todas as persoas interesadas

AE14_Cienfuegos_Lugo.png

Expandimos a visita do coreógrafo Yoshua Cienfuegos dende A Coruña ata Lugo para achegarnos ao alumnado do Conservatorio de Danza da cidade do interior de Galicia, o cal compartirá co coreógrafo unha práctica de movemento a través do repertorio da compañía valenciana.

 

Yoshua Cienfuegos, ademais de bailarín e creador é autor dunha tesis doctoral centrada no estudo e evolución da súa práctica coreográfica e a súa aplicación pedagóxica. Un estudo que recolle a metodoloxía da composición coreográfica que desenvolve dende fai máis de vinte anos. Como pedagogo, forma parte do profesorado do Conservatorio Superior de Danza “María de Ávila” de Madrid e é coordinador do Aula de Danza da Universidad de Valencia.

A actividade no Conservatorio de Lugo, insitución coa que mantemos un diálogo activo dende o inicio deste proxecto, está dirixida tanto ao alumnado do centro como a persoas externas interesadas, coa vontade de tecer pontes entre o alumnado académico e o independente.

> xoves 8 de novembro de 18 a 20 horas

> no Conservatorio de Danza de Lugo

   (Ronda Xosé Castiñeira, 14, 27002, Lugo)

> a inscrición para persoas externas en trcdanza@gmail.com

moi pronto moitas máis

accións expandidas!

AE16_Cienfuegos_Quecemento.png

Se queres participar dunha clase de quecemento cunha compañía profesional de danza horas antes da súa función, aquí tes unha boa oportunidade de testar as táboas do teatro da man da compañía Cienfuegos Danza.

O elenco formado por Maynor Cháves, Eduardo Ramírez, Sara López Vicente, Begoña Quiñones, Sara Cano, Laura García, Paloma Galiana e Gaizka Morales, así como o coreógrafo Yoshua Cienfuegos abren as portas do teatro para que partilles con todos eles as rutinas de quecemento coas que preparan os seus corpos para o espectáculo desa mesma noite.

> venres 9 de novembro de 16.30 a 18 horas

> no escenario do Teatro Rosalía de Castro

> unha práctica dirixida tanto a estudantes de danza como a  bailaríns e bailarinas profesionais, previa inscrición en trcdanza@gmail.com

AE17_Assamble_DanzaFamilia.png

Por segundo ano consecutivo unimos forzas coa Deputación da Coruña para continuar axitando o Conservatorio de Danza da cidade a través do programa Assamblé.

 

A primeira das nosas actividades está pensada para que as persoas máis achegadas ás alumnas e alumnos do centro se acheguen á danza da forma máis natural, bailando.

 

Se cada día o que fas é despedirte na porta da aula, nesta ocasión o convite é a pousar o teu abrigo na entrada e mergullarte nunha práctica de movemento para familiares e alumnado que promete non deixar indiferente a ninguén. Unha experiencia conxunta para vivir e sentir a danza en familia.

As conductoras da sesión son Ana Serantes e Isabel Sánchez. Ambas as dúas, ademáis de bailarinas e creadoras, desenvolven a súa traxectoria profesional no eido da pedagoxía da danza.

> venres 16 de novembro de 20 a 21.30 horas

> no Conservatorio de Danza da Deputación da Coruña

   (Rúa Franja, 14)

> unha práctica dirixida aos familiares e  alumnado do centro

AE17_Assamble_JesusRubio.png

“A Beautiful Mystery” é o título da investigación sobre o proceso persoal como bailarín que Jesús Rubio Gamo ten entre mans. Para o creador madrileño, o misterio dese estado extraordinario que aparece cando te ofreces ao movemento e todo o demais desaparece, onde te convertes en tempo e espazo e te fundes coa música, é o resorte dende o que nos convida a reflexionar xuntas.  Cómo se chega a este lugar? Se pode controlar? Se pode entrenar? Se pode coreografiar? Se pode partillar? Pode tocarche a ti tanto como me toca a min?

O motor da sesión é entregarnos na búsqueda dese estado excepcional que é o baile. Tecer un espazo-tempo misterioso a través das formas, dos ritmos e as emocións dos corpos de cada participante.

Jesús Rubio é un bailarín, creador e escritor independente que leva máis dunha década adicado a unha práctica artística preocupada e ocupada por desvelar as texturas, as emocións e os ritmos do interior do corpo, as súas humidades.

 

> venres 30 de novembro de 19 a 21 horas

> no Conservatorio de Danza da Deputación da Coruña

   (Rúa Franja, 14)

 

> unha actividade aberta a todas as persoas interesadas, previa inscrición en trcdanza@gmail.com

AE19_Assamble_DanielAbreu.png

Pechamos as actividades de 2018 bailando, grazas ao programa Assamblé posto en marcha co Conservatorio de Danza da Deputación da Coruña.

 

Daniel Abreu centra o seu proceso pedagóxico na procura dos límites e posibilidades do corpo, traballando dende a danza formal e achegándose aos conceptos de estrutura, apoio, dirección, xesto, conciencia, impulso e mobilidade. Secuencias coreográficas, pautas de improvisación, xogos e dinámicas grupais guiarán a práctica do creador canario cunha única vontade no horizonte: movernos de xeito más libre.

Daniel Abreu, de orixe canario e afincado en Madrid, é bailarín, coreógrafo e licenciado en Psicoloxía. Pola interesante aportación artística que realiza a través da súa propia compañía dende 2004 recibe o Premio Nacional da Danza en 2014 na categoría de creación. Como pedagogo, convidado en numerosas ocasións en festivais e teatros de Europa, América e Asia, enfoca o movemento dende a técnica de danza así como dende a expresividade e o psicolóxico.

> xoves 13 de decembro de 19 a 21 horas

> no Conservatorio de Danza da Deputación da Coruña

   (Rúa Franja, 14)

> unha actividade aberta a todas as persoas interesadas, previa inscrición en trcdanza@gmail.com

bottom of page