PROGRAMA ACCIÓNS EXPANDIDAS 2020
>>
MÁIS ACCIÓNS
PROXIMAMENTE

Reunimos neste encontro online ás tres artistas que forman parte do programa para falar dos procesos e investigacións detrás das obras que veremos nas táboas do noso teatro no festival de primavera. Ademais de conversar sobre o particular e o transversal das súas prácticas artísticas, este encontro plantéase tamén como un espazo para coñecer as reflexións que o actual estado de crise sanitaria trouxo ás nosas vidas, tanto no plano da relación entre os corpos coma no lugar que ocupa na sociedade a comunidade cultural, da que formamos parte.
> xoves 18 de xuño ás 17 horas a través das nosas redes

Cristina Balboa parte da premisa de que compoñer música é super fácil. Aínda que non saibas tocar un instrumento ou ler unha partitura de solfeo, só precisas unha aplicación e uns cantos tutoriais do Youtube. Nesta aproximación á composición de música electrónica con garage band a artista escénica galega indagará sobre a matemática, o erro e as coincidencias afortunadas para xerar un tema con punch. O único que non poderá ensinar é o estilo, iso dependerá das vosas querencias musicais e do alimento sonoro que guiará a vosa intuición, confiando naquelo de que sentarse frente á maquina e botar unhas cantas horas sempre fai saír algo. Como ela mesma afirma en <O que segue>, non hai satisfacción maior que escoitar un temazo da vosa propia autoría.
> venres 19 de xuño ás 17 horas a través das nosas redes

Xuntamos neste encontro online a dúas persoas acostumadas a colaborar dende a materia nos procesos de artes vivas, para falar dos pontes entre a escultura, a tecnoloxía e a danza. Por unha banda, a investigadora, artista e biohacker galega Paula Pin, cunha investigación experimental situada na intersección entre bioloxía, ciencia e prácticas Queer. Pola outra banda, o escultor ambientalista catalán Joaquín Jara que centra a súa obra na relación antropolóxica coa natureza e o paso do tempo e nos conceptos de descubrimento, desaparición e aparición.
> luns 22 de xuño ás 17 horas a través das nosas redes

CONVOCATORIA PECHADA
INSCRÍBETE AQUÍ
Como antesala ás tres funcións do festival de primavera lanzamos un programa de prácticas de movemento con distintos artistas para preparar o corpo que se senta na butaca. Na procura dese corpo atento, que se deixa afectar e se volve vulnerable na súa condición de espectador, cada artista conducirá a súa sesión de movemento dun modo distinto –propio da súa práctica artística– pero coa mesma intención compartida, a de afondar na percepción sensorial e a mirada periférica que contempla tanto o que está dentro como fóra de foco. Tal e como di Marina Garcés, “liberar a visión pasaría por deixar que os ollos caian de novo no corpo”.
As prácticas estarán conducidas por Javier Martín, Nuria Sotelo e Alexis Fernández no Teatro Colón favorecendo o tránsito da práctica á función no Teatro Rosalía de Castro pola proximidade de ambos teatros.
> xoves 25, venres 26 e sábado 27 de xuño de 19 a 20.30 horas no Teatro Colón da Coruña
> actividades dirixidas a todas as persoas interesadas sen necesidade de coñecementos previos
> as tres prácticas son gratuítas con prazas limitadas

CONVOCATORIA PECHADA
INSCRÍBETE AQUÍ
Da man da investigadora, artista e biohacker Paula Pin, este laboratorio propón un hackeo á ciencia de cara a unha nova narrativa transfeminista. Baseado no concepto de aprender facendo, o laboratorio busca a apertura dun espazo-tempo particular, un lugar para a confluencia de cyberbruxas e alquimistas. Como fío conductor da práctica está a construción dun microscopio a partir dun sinxelo hack (modificación) nunha webcam. A mesma tecnoloxía na que se centrou a colaboración da artista no proceso de creación <Thesaurus> de Ánxela Blanco. Unha aproximación ao marabilloso mundo da microscopía e da experimentación coas células, fluídos e microorganismos do ecosistema “corpo”.
> venres 26 de xuño de 17 a 19 horas no Teatro Colón
> dirixido a todas as persoas interesadas na tecnoloxía, as prácticas Queer e a creación contemporánea.
> o laboratorio é gratuíto con prazas limitadas

CONVOCATORIA PECHADA
INSCRÍBETE AQUÍ
Un xogo de autoficción baseado na resurección da Ave Fénix, unha práctica de reinvención total, unha queima cósmica de cousas chungas e reproches da memoria, un novo nacemento ou un rexurdir dende as cinzas para construír un presente máis amable onde cuidar a esperanza de novo, coma se fose unha damisela en apuros, son as chaves da proposta de Cristina Balboa para esta práctica que pretende reinventar o presente.
A autoficción é unha técnica de escritura que pule o brutal, o inhóspito e a crudeza vital. Como artista escénica, Cristina Balboa escribe sobre a dor da súa vida a través do humor, abusando da ironía e os paradoxos. Con rotundidade afirma que na postpandemia o único que importa é resistir as fases do porvir e que nesa resistencia debemos atopar unha nova ficción que reconstrúa os eslabóns perdidos da memoria, na creación dunha nova identidade, máis libre e máis vital. O que sería o post eu.
> sábado 27 de xuño de 17 a 19 horas no Teatro Colón
> a práctica está dirixida a todas as persoas interesadas na escritura e na creación contemporánea.
> a práctica é gratuíta con prazas limitadas

Este encontro online xunta a tres directoras de escena e coreógrafas para falar da apertura á danza que comezamos a ver nalgunhas institucións, non especializadas, creadas para dar soporte e visibilidade ás artes escénicas en xeral. Por unha banda, a experiencia de Luz Arcas en <Una gran emoción política>, producida polo Centro Dramático Nacional, e pola outra banda, Belén Bouzas e Diego M. Buceta, da compañía de danza galega Pálido Domingo, e que xunto a Fran Martínez codirixirán unha peza no Centro Dramático Galego proximamente.
> mércores 30 de setembro ás 17 horas a través das nosas redes

<Heavenly dance> é unha práctica que explora o baile total, é dicir, ese estado no que os nosos corpos se entregan completamente ao baile facendo que o movemento se expanda e afecte a todas e cada unha das capas do ser. Do que se trata é de bailar con todo, de entregarse a un tempo absoluto. A partir da axitación do noso corpo físico espertarán e ser porán en funcionamento outros corpos, máis sutís, como o etéreo, o emocional ou o intuitivo. A música bacalao será o motor a gurú <Mystic Bacala> a que te acompañe nesta tentativa de baile definitivo.
> sábado 10 de setembro de 11 a 13 horas no Centro Ágora.
> a práctica está dirixida a todas a calquera persoa que se sinta chamada pola proposta.
> a práctica é gratuíta con prazas limitadas.

Con moita ledicia retomamos o exercicio de curadoría colectiva dentro do proxecto de Programación Expandida do TRC Danza. Propoñemos unha experiencia de investigación e reflexión arredor da selección de artistas para o programa de danza do Teatro Rosalia de Castro no 2021. Por segundo ano, abrimos esta convocatoria que avanza cara un horizonte no que os público(s) participan cada vez máis activamente do que acontece no noso teatro, un teatro que cada ano se abre máis á cidadanía.
> sábado 7 de novembro de 11 a 13 horas
> mércores 11 de novembro de 19 a 21 horas
> sábado 14 de novembro de 11 a 13 horas
> mércores 18 de novembro de 19 a 21 horas
> Na Sala Xan Eirís do Teatro Rosalía de Castro
> actividade dirixida a todas as persoas interesadas sen necesidade de coñecementos previos
> a práctica é gratuíta con prazas limitadas