O encontro entre o escultor ambientalista e performer Joaquín Jara e o coreógrafo galego e investigador no eido das artes do movemento Javier Martín deu lugar a <Soma>, unha experimentación escénica e matérica que se concentra no estudo do corpo e do movemento como sombra e fragmento.
Nesta creación –performance, acción e instalación– bailarín, escultor, iluminador e músico comparten a acción escénica, transitando por diferentes estados físicos, conceptos estéticos e calidades de movemento, relacionándose e difuminando roles mediante esculturas, materiais, ambientes, obxectos e coreografías que se van despregando nun espazo conformado ante o espectador.
<Soma> é unha produción de Javier Martín en coprodución co Centro Dramático Galego na que o deseño de luz e a súa activación corre a cargo do iluminador escénico Octavio Mas e o ambiente sonoro é creación de Artur M. Puga.

